Thursday 02 de May de 2024

Leilía cántalle un adeus especial aos escenarios mañá no Teatro Colón


O grupo de cantareiras actúa na Coruña coa xira de despedida ‘Anque me vou non me vou’, segunda cita do ciclo ‘Folk no Colón’ que contará cos principais nomes do folk galego

O grupo tradicional Leilía actuará mañá na Coruña no marco da súa xira ‘Anque me vou non me vou’ coa que as cantareiras lle dan o adeus aos escenarios. O concerto vai na liña doutros programados polo Concello da Coruña no marco do ciclo Folk no Colón, que comezou o pasado mes de decembro coa actuación de Susana Seivane.

Mañá, domingo 7 de xaneiro, será a quenda de Leilía, que lle cantarán un emotivo adeus aos escenarios no Teatro Colón. Trátase dun concerto no que farán un repaso polos seus 35 anos de traxectoria, mesturando cancións novas do seu último traballo ‘‘Vidas Cantadas’ con outros clásicos do seu repertorio achegándolle ao público parte da historia do Folk en Galicia.

Leilía formouse no 1989 con Ana Rodríguez, Felisa Segade, Mercedes Rodríguez, Montse Rivera, Rosario Rodríguez e Patricia Segade e é un dos nomes máis recoñecidos no panorama do folk galego así como un dos primeiros grupos de cantareiras en Galicia.

Ás actuacións de Seivane e Leilía no marco de ‘Folk no Colón´ sumaranse nos vindeiros meses outras estrelas do folk galego coma Luar na Lubre, Budiño e Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre. O ciclo rematará no mes de maio con Os do Fondo da Barra, pechando un semestre de programación musical en galego.

O Goberno de Inés Rey amosa novamente con este ciclo o seu compromiso coa cultura galega e coa música tradicional á que se suman citas históricas coma o concerto das Tanxugueiras no Coliseum, sendo o primeiro grupo en galego en completar o total da capacidade do recinto.